15.2.15

Sete anos de Dona

Hai sete anos naceu Dona. Mellor dito: 'nacérona'. A súa nai non daba parido e tiveron que facerlle a cesárea, para atopar dúas femias e un macho morto. Os seus donos sacaron adiante as crías con bastante traballiño e dous meses despois esta cadela saíu do seu primeiro fogar para chegar a unha casa onde non se sabía moito de cans, pero había moita gana de aprender.
Durante as dúas horas longas que durou o traslado, a cadeliña comportouse de marabilla no colo de B que, por prudencia, levaba un cueiro sobre os xeonllos, pero non fixo falta. Iso si, en canto entrou na casa botou unha mexadiña; a pobre non debía de poder aturar máis.
Non é doado resumir nunhas liñas o que supuxo e supón convivir cun ser doutra especie sen máis finalidade ca esa -a convivencia-; se cadra, o máis destacable que se me ocorre é o que implica ese proceso: unha morea de sentimentos entre os que o máis intenso para min é a tenrura, aínda que para chegar a ela houbo que pasar por impaciencia, cabreo, algún que outro susto e mesmo momentos de desesperación.
Dona tivo que aprender a deixarse cepillar e limpar, a non morder con forza, a obedecer cando a chamaban, a permanecer soa cando iamos á compra, a... Uf! Eu aprendín a interpretar os seus movementos, os seus xestos; desenvolvín unha paciencia case infinita; coñecín o supremo pracer de acariciala, de manipulala cando cumpría comprobar se había unha ferida ou se aquel vultiño da orella era importante; souben o estupendo que resulta amar un ser vivo cuxo benestar depende de ti.
E aquí estamos as dúas -neste momento, as tres- no estudio, eu dándolle ás teclas, elas tombadas preto miña, en tranquila compañía. As femias da familia.

4 comentarios :

paideleo dixo...

Como di a miña sogra: Fóra a alma, son coma nós.

mariajesusparadela dixo...

Talmente así.

Paz Zeltia dixo...

Eu tiven varios cans, e cadelas, á primeira que foi "miña" (Pepa) que tiña eu 23 anos, e pillouma un coche cando tiña un aniño e canto disgusto levei... e á última (non creo que derradeira)que se chamaba Dumba, e fixemos vida xuntas, son as que máis amei. Quíxenas. Inda lles quero.

matrioska_verde dixo...

¿qué podo engadir eu que ti non sepas?